Aeroporto de Peinador, Vigo, Galiza.
Aeroporto de Peinador, Vigo, Galiza.

Peinador iniciou 2020 igual que finalizou o 2019, sendo o aeroporto da rede AENA que máis baixa en canto a viaxeiros: en xaneiro, segundo as cifras da empresa pública de xestión de aeroportos, Vigo rexistrou 64.055 pasaxeiros, o que fronte á subida media do 2,4 supón anotar un descenso de -10,9 por cento sobre o primeiro mes de 2019.

É practicamente a mesmo porcentaxe que a media de 2019, que anotou un retroceso en torno ao 10 sobre 2018, coa perda de 110.000 viaxeiros.

De todos os voos realizados, 64.055 persoas realizaron comerciais. Deles 63.407 corresponden a pasaxeiros do Estado e apenas 648 fóra del.

RYANAIR

Esta nova caída de viaxeiros no aeroporto de Vigo vén motivada principalmente pola marcha de Ryanair en abril do ano pasado. Durante os tres primeiros meses de 2019 aínda operou o seu voo diario con Barcelona, un roteiro que non foi reforzado.

De feito, a única aerolínea que a cobre desde entón, Vueling recortou os seus voos durante o primeiro trimestre deste ano. Todo apunta a que o aeroporto de Vigo seguirá perdendo pasaxe polo menos ata o mes de abril, xa que ademais da conexión coa cidade Condal que operou o ano pasado a baixo custo irlandesa, en abril tamén restarán as ligazóns con Londres e Dublín que operou esta compañía de forma puntual o ano pasado antes de romper as negociacións co Concello de Vigo.

Os malos datos continuarán ata abril, cando deixe de pesar o efecto da saída de Ryanair o pasado ano. A partir de entón as cifras porcentuais serán mellores, e ademais coincidirán co inicio de voos estacionais.

As previsións apuntan a que Vigo terá este ano de novo un millón de pasaxeiros, pero seguirá moi lonxe das cifras das outras tres terminais da eurorrexión galega-portuguesa (Coruña, Lavacolla e O Porto).En canto ás operacións, en Peinador rexistráronse ao longo do primeiro mes do ano 795 voos (-5%), dos cales 676 foron voos comerciais. Destes, 634 movementos foron operacións nacionais e 42 internacionais. Pola terminal de carga do aeroporto pasaron, durante o pasado mes, máis de 37 toneladas de mercadorías, un 12 por cento menos, polo que continúa a tendencia á baixa tamén neste tráfico.

RESTO DE GALIZA
En canto ao resto de Galiza, destacan os bos datos sobre todo de Alvedro, que creceu un 15 por cento e chegou a 104.792 pasaxeiros, marcando a maior distancia con Vigo. Santiago pola contra pouco medrou e queda con 179.000.

Unha vez máis, Abel Caballero achacou o ocorrido a Feijóo. Segundo dixo onte, levou Ryanair a Santiago. “Con diñeiro de toda Galiza e por tanto de Vigo. Esa é a causa da caída dos voos en Peinador é que unha compañía deixou de voar porque a Xunta levoullo para Santiago”.

Sobre isto, respondeu o Goberno galego nun comunicado: “A Xunta pregúntase se xa pediu (Caballero), como anunciara, o informe ao Consello de Contas, e no caso de que non sexa así, que o faga canto antes. A Xunta non subvenciona liñas aéreas e se o Consello de Constas conclúe que é así e que o alcalde mente, esperamos que rectifique e pida desculpas”.

FUTURO

Por outra banda, o alcalde vigués confirmou un concurso para que no verán estean operativas tres liñas, Baleares (Mallorca e Eivissa), Canarias e Londres. Será un contrato de tres anos.

Actualmente Peinador ten seis roteiros regulares. Ningunha delas fóra do Estado: Madrid, Barcelona, Valencia, Bilbao, Tenerife e Gran Canaria.

Nos próximos meses irá sumando novas ligazóns ata superar a decena en xullo agosto, cando chegará a haber voos a París, Sevilla, Forteventura, Lanzarote ou Alacante.

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here