PP e PSdeG impiden que o Parlamento de Galiza analice o accidente do Marisquiño como pedían BNG e En Marea

Co popular Enrique López Veiga, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, e o socialista Abel Caballero, alcalde, desviando un ao outro as responsabilidades políticas polo accidente do pasado 12 de agosto durante o festival O Marisquiño que provocou varios centos de feridos, este xoves PP e PSdeG impediron que polo menos a curto prazo o sinistro sexa analizado no Parlamento de Galiza, como pedían BNG e En Marea  con varias iniciativas.

Socialistas e populares rexeitan convocar un Pleno extraordinario no que compareza Feijóo e no que as outras dúas formacións querían solicitar unha comisión de investigación política.

As dúas formacións reclamaban en primeiro lugar a convocatoria dun Pleno extraordinario no que comparecesen o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e no que tamén se debatese a creación dunha comisión de investigación política sobre o sinistro.

En pleno verán, e fóra do período de sesións da Cámara, a decisión para convocar ese pleno extraordinario correspondía á Deputación Permanente, órgano que se reuniu este xoves e no que PP e PSOE impuxeron a súa ampla maioría en contra.

Os populares argumentaron que será o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o que compareza a petición propia no primeiro Pleno ordinario, a mediados de setembro, para explicar a actuación do Goberno galego.

Pero este xoves o PP xa avanzou que a súa liña argumental será a de centrarse en que a culpa do sinistro foi do Concello de Vigo mentres que os dispositivos de emerxencias autonómicos que atenderon aos afectados funcionaron correctamente.

Será o vicepresidente Rueda o que compareza no primeiro Pleno ordinario a mediados de setembro

O PSdeG, pola súa banda, botou a responsabilidade ao Porto de Vigo, e dubidou da utilidade das comisións de investigación política. Socialistas e populares coincidiron en indicar que o asunto é de ámbito local e non debe ser analizado no Parlamento de Galiza

Pola contra, BNG e En Marea lembraron as implicacións autonómicas do sinistro, desde a atención ás vítimas ata a normativa autonómica en materia de festas, e salientaron a necesidade de analizar as responsabilidades políticas máis alá das penais que xa está a investigar un xulgado de Vigo.

A negativa final de populares e socialistas a convocar un pleno extraordinario obriga así a En Marea e BNG a adiar ao primeiro pleno ordinario de mediados de setembro as iniciativas ao respecto que queiran reiterar.

http://praza.gal/politica/17373/pp-e-psdeg-impiden-que-o-parlamento-de-galicia-analice-o-accidente-do-marisquino-como-pedian-en-marea-e-bng/

Loading…

 

Utilizamos cookies para garantizar que se le proporcione la mejor experiencia en nuestro sitio web. Si usted continúa utilizando este sitio vamos a suponer que usted acepta.
Aceptar y continuar
Privacy Policy