Ana Pontón sae vitoriosa do debate cun Feijóo nervoso e á defensiva

As redes sociais e analistas fan tendencia e colocan á lider do BNG como vencedora do debate

0

“O único que pode garantir xestión e certezas son eu”. Feixoo tiña clara a mensaxe que quería trasladar no debate a 7 organizado pola CRTVG e que decorreu na noite desta segunda feira. “Ou eu ou o caos” en versión Monte Pío. Núñez Feijóo como o presidente de fiar fronte a unha amálgama de formacións que só procuran desbancalo.

Non axudou á credibilidade desta mensaxe o nerviosismo que translucía o candidato do PP durante boa parte debate ou a súa ausencia de réplica aos datos que lle puñan sobre a mesa BNG, PSdeG, Galicia en Común, ou Marea Galeguista en temas como número de camas recortadas na sanidade pública ou empregos perdidos nesta década no agro ou a industria.

No plató había máis formacións que as mencionadas. Estaban Ciudadanos e Vox. Os primeiros querendo xogar a baza de ser representantes dos “galegos de clase media” (Beatriz Pino dixit). Os segundos, vivindo dun delirio: “Hai un clima criminal e violento nesta campaña electoral”, dixo o seu candidato na súa primeira intervención. Na segunda reclamou a centralización da sanidade para que non estea en mans de “taifas nacionalistas”.

#AnaPresidenta converteuse en tendencia na rede social Twitter mentres que diversas enquisas como as de diariodeferrol.com, galiciaconfidencial.com ou nosdiario.gal entre outras dan como vencedora á candidata do BNG. Diversos analistas, xornalistas e politólogos coinciden en dar á lider do BNG a vitoria deste debate a 7.

O PRIMEIRO MINUTO

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, lembrou os “verdadeiros heroes e heroínas” da crise do coronavirus e dirixiuse aos maiores e ao rural nas súas primeiras palabras para reivindicar a ambos. Pontón dixo que a crise sanitaria, á cal dedicou a súa primeira intervención, mostrou “as deficiencias” que hai no sistema cara aos maiores e desvelou “a necesidade de modificar un sistema de residencias” para que “non se faga negocio co dereito a unha vellez digna”. Ademais, esta crise sanitaria revelou, engadiu, que “a xente do rural encheu as neveiras da cidade” e reivindicou o traballo de “transportistas, caixeiras de supermercado, profesorado” e “o persoal sanitario”, que estivo en primeira liña con “un gran sacrificio”.

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, arrincou o debate cunha advertencia ao electorado de que “non é o mesmo cando goberna o PP que o PSOE”. No minuto de apertura, Gonzalo Caballero defendeu que os socialistas “non deixan a ninguén na cuneta”. “O 12 de xullo xogámonos o futuro do país no que vivimos, se imos saír pola esquerda ou pola dereita” tras a crise provocada pola pandemia do coronavirus, proclamou Gonzalo Caballero.

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, apelou a “construír o futuro” a partir das eleccións do 12 de xullo para que Galicia deixe atrás “os 10 anos de corentena” que, di, significaron a década de Alberto Núñez Feijóo na Xunta. Gómez-Reino dedicou boa parte do primeiro minuto do debate a presentarse persoalmente ante os galegos tras agradecer aos galegos a actitude mantida durante o confinamento do coronavirus. “Estou orgulloso da cidadanía do meu pobo”, apostilou.

O candidato de Marea Galeguista á presidencia da Xunta, Pancho Casal, iniciou o debate diferenciando a súa candidatura da opción que representa o presidente galego, Ablerto Núñez Feijóo, e “o tripartito de Sánchez” en alusión a PSdeG, BNG e Galicia En Común –na que se integra Unidas Podemos–. Casal –segundo en intervir– sinalou que nestas eleccións autonómicas do 12 de xullo existen “tres opcións”: “votar a Feijóo, ao tripartito do señor (Pedro) Sánchez ou votar a Marea Galeguista”.

Pandemia

O primeiro dos catro bloques do debate centrouse na xestión da pandemia da COVID-19. Ana Pontón (BNG), a primeira en intervir, fixo un repaso polos “erros” de Núñez Feixoo nestes meses (desde non solicitar fechar Madrid, epicentro da vaga contaxiadora, até non escoitar o que as propias profesionais da sanidade lle demandaban en canto a medios ou protocolos), ligándoos cos froitos de dez anos de “recortes” e “privatizacións” cuxos efectos agora se evidencian con claridade. A primeira en intervir neste apartado foi a líder dos nacionalistas e aspirante á Xunta, Ana Pontón, quen considerou necesario “aprender dos erros” e fixo un repaso polos que, na súa opinión, foron os principais de Feijóo

Pancho Casal (Marea Galeguista) tamén cargou contra as “privatizacións” destes anos mentres que Gómez Reino (Galicia en Común) resumía nunha frase o que consideraba que representou esta década de Núñez Feixoo: “Galiza leva 10 anos en corentena”.

Gonzalo Caballero centrouse en defender a xestión do Goberno español e criticar a “deslealdade” do presidente galego e incidiu en que “non é o mesmo que goberne a dereita que a esquerda”.

Núñez Feixoo cualificou todas esas críticas como “intento de reescribir o que pasou”, cargou contra o Executivo estatal e botou man de vitimismo (“para vostedes todo o que fai a Xunta está mal”). Porén, non retrucou ningún dos datos postos sobre a mesa: en recortes de camas, en ausencia de prazas públicas nas residencias, ou en falla de medios e material en plena pandemia.

Os candidatos do PSdeG, Galicia en Común, BNG e Marea Galeguista aproveitaron o primeiro bloque do debate da CRTVG para botar en cara a “privatización” das residencias de maiores de Galicia ao presidente da Xunta e candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, quen lles replicou que en Galicia “non se deu nin unha soa vida por perdida” e aseguroulles que se eles tivesen que xestionar “non falarían con tanta lixeireza e demagoxia”.

O número de contaxios e de falecementos nestes centros centrou o primeiro dos espazos temáticos do debate electoral a sete que este luns acolleu a Corporación Radio Televisión de Galicia e no que Feijóo criticou que o resto de aspirantes se limitarn a afirmar que todo o que fixo a Xunta “está mal”.

Política económica

Tamén aquí Feixoo e a oposición con presenza no parlamento (PSdeG, o espazo de Galicia en Común representado en Grupo Común da Esquerda, BNG e a Marea) foron antagónicas.

A crise de Alcoa, o esfarelamento do sistema financeiro galego, a perda de miles de postos de emprego en sectores como o industrial e o agro… Unha década de xestión de Gobernos do PP ía traducíndose en boca de Caballero, Gómez Reino e Pontón en exemplos dun escenario económico que leva tempo sendo preocupante.

Mais Feijoo, embora titubear nalgunhas repostas, mantíñase no seu discurso destes anos: con outros á fronte do Goberno galego, todo sería peor. Botou a culpa da situación de crise do sector industrial á oposición e ao Executivo español, mais non ofreceu nin unha pequena esperanza en forma de proposta para facer fronte á crise económica e social que deixa a pandemia.

Política social

En relación ao bloque sobre política social, o presidente da Xunta apostou por crear emprego e pola sanidade pública. Presumiu de cifras en relación á sanidade, á educación e á dependencia. Uns datos que foron desmontados polos grupos da oposición. Comezou Gómez Reino, que lembrou as persoas dependentes que falecen sen que se lles recoñeza a prestación e que criticou que en 2019 tan só se construísen catro vivendas públicas.

O representante de Galicia en Común e deputado de Unidas Podemos no Congreso aludiu ao feche da sala de partos de Verín, aos concertos con centros de ensino que segregan por sexo e á iniciativa de universidade privada de Abanca.

Na mesma liña, Casal denunciou que Feixoo fechou “máis de 100 escolas públicas no rural” e prometeu un plan integral de choque contra o feminicidio, desmercantilizar os coidados, un plan de mellora da atención primaria, a recuperación das once áreas sanitarias, unha rede de escolas infantís e un parque público de vivenda.

O representante de Vox, que se dedicou a interromper e a tratar de crear polémica durante o debate, puxo sobre a mesa a censura parental nas aulas, a eliminación da lingua galega e a creación dunha Consellaría de Familia.

Caballero aproveitou a súa quenda para expor os recortes en materia de sanidade e para apostar nunha rede de residencias de maiores de carácter público e computadores para todo o alumnado.

Pino pediu respecto para o persoal sanitario, escolas infantís gratuítas “de verdade” e infraestruturas propias do século XXI. A este respecto, criticou as peaxes da AP-9, malia que a súa formación, Ciudadanos, votou en contra en numerosas ocasións contra a transferencia da autoestrada.

Pontón, pola súa banda, acusou a Feixoo de ser precursor “das políticas que pactan coa ultradereita” cando “en plena crise recortou axudas para vítimas de violencia de xénero” e cando aprobou “concertos con centros educativos que segregan por sexo”. “Deulle ao Opus Dei 30 millóns para financiar unha educación machista e clasista”, engadiu a candidata do BNG, quen se comprometeu a impulsar “non lazos, senón medidas reais, como dedicar o 1% do orzamento da Xunta á loita contra a violencia machista, que a conciliación non sexa unha carreira de obstáculos para as mulleres e escolas públicas gratuítas, ademais de horarios racionais”. Tamén sinalou que as empresas que discriminen as mulleres non poderán contratar coa Xunta.

Galicia en Común, BNG e Marea Galeguista afeáronlle a Feixoo que non abra os centros de día e lembráronlle que Galiza é o único territorio do Estado onde non se abriron, malia as reiteradas peticións de familias e profesionais.

Derradeiro bloque

Após un inicio bronco, Ana Pontón tomou a palabra para lembrar “o pin parental” que tratou de aplicar Feixoo á lingua galega no ensino. “Quere confinar a nosa lingua, que é a única que perde falantes de todo o Estado”, puxo de manifesto a candidata do BNG, quen puxo en valor o traballo das “creadoras e creadores precarios”. Referiuse, a continuación, á “vergoña da CRTVG”, “convertida nun medio onde hai censura”. Chamou a “cumprir a lei” e a “acabar cos nomeamentos a dedo”.

Beatriz Pino preguntoulle na súa intervención a Caballero se quere “revivir” a época de Quintana e Touriño, “quere volver 15 anos atrás?”. Acusouno de “botarse en brazos de populistas e nacionalistas” e espertou a fantasma de Paco Vázquez, ex alcalde da Coruña.

Gómez-Reino citou todos os casos de corrupción que afectan o Partido Popular, como o caso Pemex, o Carioca, o Campeón, o Pokemon, o Baltar ou o Conde Roa, entre outros. Feixoo contestou cargando con que manteña o seu escano no Congreso, “tamén Yolanda Díaz me acusaba de estar pensando en Madrid e quen está en Madrid é ela”.

Casal criticou a Feixoo por non conseguir transferencia ningunha para Galiza nos seus anos de goberno e lamentou que “non saiba que ten vostede as competencias en materia de industria”. Tamén llo afeou Pontón, que ironizou co lema “Galicia, Galicia, Galicia”, que “queda só nun slogan electoral”. A candidata do Bloque subliñou que “un deputado do BNG no Congreso fixo máis nun mes que Feixoo en 11 anos”, “non temos as mans atadas”, reivindicou.

Caballero apostou pola organización dun novo debate na CRTVG e cargou contra o presidente da Xunta por estar disposto a pactar con Vox. Pontón preguntoulle directamente a Feixoo se vai pactar cos ultraespañolistas e con Ciudadanos. Trátase, dixo, dunha “escisión do seu partido”. O candidato do PP non quixo responder.

O debate finalizou pasadas as 00.20 horas cos tradicionais “minutos de ouro”, en que as candidatas e os candidatos dispuxeron de 60 segundos para tratar de convencer as electoras e electores.

Siguenos en Google News
También podría gustarte
Ver comentarios de la noticia

Deja una respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada.

Enable Notifications    Ok No thanks