Máis do 52% da poboación usa o galego sempre ou máis có castelán, case a mesma porcentaxe de hai cinco anos pero 5 puntos menos que hai unha década
O uso sempre do galego mantense mentres que aumenta un chisco (1,43 puntos) a procentaxe de poboación que fala máis galego que castelán, ao situarse no 21,72%, aínda que tamén aumenta a porcentaxe daquela que fala máis castelán que galego, ao pasar do 22,3% de 2013 ao 23,3 de 2018. Ademais, algo máis do 24% da cidadanía galega fala sempre en castelán, 1,85 puntos menos que hai cinco anos.
Xa que logo, o uso do galego case non mudou no último lustro, pero a situación é moito menos optimista de comparar os datos cos de hai dez ou quince. Na actualidade usa o galego sempre ou máis galego que castelán o 52,3% da poboación, case o mesmo dato que hai cinco anos (51,5%) pero uns cinco puntos menos que hai unha década (57%) e case dez por baixo que en 2003 (61,5%). A utilización da lingua propia mantense estable nos últimos anos pero non se recupera da crise que paseniñamente a afecta.
https://praza.gal/acontece/o-galego-resiste-como-lingua-maioritaria-da-metade-da-poboacion