“Queremos ter unha vida como os adultos tiveron, nun planeta habitábel. Por isto a urxencia de facer algo”

0
“Os tempos das ambigüidades e das palabras faltas de contido foron superados polas consecuencias e os datos incuestionables. É hora de sumarse de xeito inmediato a un cambio global de modelo e de paradigma: non é posible o crecemento continuo nun planeta de recursos limitados e non é posible permanecer impasibles diante da emerxencia climática”. O Manifesto do Movemento Galego polo Clima, presentado a semana pasada, supuxo o punto de partida para unha xeira de mobilizacións nas sete cidades, que terán a súa culminación nas manifestacións convocadas o venres 27.

“Somos a xeración que vai vivir todas as consecuencias da crise climática, que xa se están notando agora”, di Inés Carrión

Máis de medio cento de entidades compoñen o Movemento Galego polo Clima, pero entre eles destaca o impulso de colectivos como Fridays For Future ou Extinction Rebellion, formados en todas as cidades galegas por mozos e mozas, estudantes na súa maioría, ben da Universidade, ben do ensino secundario. Xa o pasado mes de maio ducias de mozos e mozas mobilizáronse en Galicia convocados por Fridays for Future, que leva meses esixindo aos gobernos e á sociedade no seu conxunto (sobre todo á xeración dos seus pais e nais) unha reacción decidida ante a crise climática.

“Somos a xeración que vai vivir todas as consecuencias da crise climática, que xa se están notando agora. Tentamos informar aos adultos de que é o noso futuro, de que queremos ter unha vida como eles tiveron, nun planeta habitable. Por isto a urxencia de facer algo. Se non se fai nada urxentemente a nosa e as seguintes xeracións somos quen o vai sufrir”, di Inés Carrión Orosa, unha estudante de 16 anos que quere cursar a carreira de Informática e que se converteu nunha das voceiras de Fridays for Future A Coruña.

“Estas reivindicacións teñen que ter caras novas. A maioría de nós somos estudantes”, di Kai Baltrusch

Algo no que concorda Kai Lois Baltrusch Montero, estudante de Bioloxía na USC e un dos representantes do movemento en Compostela: “é a nosa xeración a que está alzando a voz e botándolles un pouco a bronca aos nosos maiores, dicíndolles que hai que espabilar porque estamos arruinando o planeta e deixándonos a nós sen futuro”.

O perfil dos mozos e mozas que están a participar en Fridays for Future é o dunha persoa que está comezando a universidade ou rematando o instituto, explica Héctor Santorum, estudante de enxeñaría en Vigo, “aínda que temos algúns casos excepcionais de persoas de 14 anos que se achegaron para traballar”, conta. “Outra cousa que case todos temos en común é que ata agora non tivemos afiliación nin militancia política de ningún tipo”, engade.

Santorum tamén salienta que “queremos por en valor tamén á xente que leva moito tempo traballando pola ecoloxía. Dende Fridays nunca quixemos crear un movemento de cero ou un movemento que ficase no activismo das redes sociais, senón que queremos ir moito máis aló e impulsar un movemento que se apoie en toda esa xente que leva moitos anos militando activamente no ecoloxismo”

 

 

https://praza.gal/acontece/queremos-ter-unha-vida-como-os-adultos-tiveron-nun-planeta-habitable-por-isto-a-urxencia-de-facer-algo

 

 

praza.gal

Siguenos en Google News

Deja una respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada.

Enable Notifications    Ok No thanks