Outra oportunidade perdida para as persoas sen fogar

0
Co gallo da polémica que xurdiu na cidade de Compostela nestes últimos días en relación coa paralización do Centro de Atención Integral ás Persoas Sen Fogar, véxome na obriga de explicar de xeito claro á cidadanía o que está a acontecer.

A Concelleira de Benestar Social e o alcalde declararon a intención do goberno municipal de paralizar a licitación do novo centro sen propoñer un proxecto propio alternativo a este

Durante estes días, a Concelleira de Benestar Social e o alcalde declararon a intención do goberno municipal de paralizar a licitación do novo centro sen propoñer un proxecto propio alternativo a este, sen afondar sobre que pasará cos fondos destinados e sen aclarar se as destinatarias finais serán efectivamente as persoas sen fogar. Asemade, dúas perspectivas preocupantes emerxeron nos diarios ao longo da pasada semana: 1) considerábase que as persoas sen fogar da nosa cidade continúan na rúa por vontade propia e 2) hai recursos de sobra na cidade para atendelos. Na prensa aludíase á falta de necesidade dun recurso integral para a abordaxe do senfogarismo polo feito de que o Albergue de Xoan XXIII tivese vacantes ao longo do periodo estival, e completábase dicindo que dado que o albergue non está cheo, para que necesitaríamos outro centro? Afondemos na cuestión.

O dispositivo que necesitaba a cidade era outro centro de pernocta dado que o Albergue Xoan XXIII só ofrece estancias nocturnas por uns escasos 10 días ao mes tras os cales a persoa se ve abocada a volver á rúa

Tiven a sorte de coordinar o proxecto de planificación do futuro centro e por iso penso que unha visión dende dentro pode algunha clave da que non se ten falado. Pois ben, tanto a planificación do centro como o Plan Municipal de Atención as Persoas Sen Fogar (tamén botado abaixo, por certo) foron proxectos que se elaboraron de xeito riguroso e participado. A idea sobre que tipo de centro precisaba a cidade non foi unha decisión meramente política cociñada nos despachos, nin foi unha idea peregrina froito dunha noite de insomnio: foi o resultado dun estudo sobre as necesidades das persoas sen fogar. Realizouse un diagnóstico participativo no que se escoitaron a 32 persoas sen fogar (por primeira vez se daba voz a quen utiliza os recursos e por tanto, sabe do que adolecen), a 31 profesionais do ámbito social e sanitario (da rede pública e do terceiro sector) e a un grupo seleccionado de expertos en ámbitos específicos (a Asociación Galega de Saúde Mental en cuestión de saúde mental, a Médicos do Mundo en materia de saúde e dereitos, á Axencia Local de Colocación en cuestión de emprego, etc). Froito dos resultados das enquisas e das xuntanzas realizadas, elaborouse un informe con datos cuantitativos e cualitativos.

Neste informe (dispoñible para quen se interese por consultalo) salientábanse varias cuestións nas que profesionais e usuarios concordaban. Deixaba patente que o dispositivo que necesitaba a cidade era outro centro de pernocta dado que o Albergue Xoan XXIII solo ofrece estancias nocturnas por uns escasos 10 días ao mes tras os cales a persoa se ve abocada a volver á rúa. A segunda cousa que quedou clara no estudo realizado foi que dito centro tiña que asegurar unha estancia media ou prolongada das persoas no recurso: o que falta precisamente nesta cidade é un lugar onde poidan estabilizarse durante un tempo razonable (que acordamos entre 6 meses e 1,5 anos) que fose suficiente para poder realizar unha intervención psicosocial e non solo para dar cama e roupa. Tal e como ninguén chegou á rúa en 10 días, ninguén sae da rúa en 10 días. O Centro de Atención Integral concebiuse precisamente como isto, un centro de media estancia para a recuperación e inclusión social. Cando escoito á Concelleira e ao Alcalde dicir que non saben se é o centro máis axeitado para a cidade penso que entón nin se molestaron en ler o proxecto e o invalidaron por relacionalo con Compostela Aberta, porque se algo ten de bo o traballo feito é precisamente que se diseñou por e para esta cidade, analizando as debilidades e fortalezas dos recursos que xa existen e escoitando aos nosos veciños que por desgracia seguen nas rúas.

O que propoñen sería unha barbaridade similar a dicir: xa que o Servicio de Urxencias do CHUS non está cheo, deducimos que non se necesitan plantas no hospital para cirurxía ou coidados paliativos

Cando leo na prensa que o albergue non está cheo e que por iso non se precisa un Centro de Atención Integral, en seguida me xurde unha analoxía. Se trasladamos esto ao ámbito sanitario cuxa estrutura todos coñecemos mellor, o que propoñen estes señores sería unha barbaridade similar a dicir: xa que o Servicio de Urxencias do CHUS non está cheo, deducimos que non se necesitan plantas no hospital para cirurxía, medicina interna ou coidados paliativos. As urxencias son unha porta de entrada e atenden situacións de emerxencia, mentres que se precisan camas no hospital para a xente que vai ficar máis dunhas horas porque así o precisa o súa recuperación. Pois ben, a situación é semellante, estase a comparar un albergue de curta estancia cun centro de media estadía cando son recursos diferentes, ambos necesarios e complementarios.

En base a esta comparativa tan absurda a prensa permítese culpar ás propias persoas sen fogar “que non queren salir da rúa”. Coñecen vostedes a alguén que estea na rúa por gusto? Cando vostedes eran rapaces e pensaban en que querían ser de maiores alguén pensaba “eu quero ser persoa sen fogar”? Seguro que non. Unha cousa é que en momentos de desesperanza a estas persoas lles coste confiar en sí mesmos e nos que os atendemos, que leve tempo implementar cambios nas vidas dunha persoa que leva anos na rúa, e outra cousa é que o seu desexo sexa estar á intemperie para sempre. Así que non, non é que as persoas non queiran saír da rúa e non, non é que os recursos existentes sexan suficientes.

Igual que resultaría anacrónico pensar nunha planta de Oncoloxía liderada pola igrexa, a atención psicosocial non debera ser menos

E de todo isto o que máis me entristece e saber que en ningún momento houbo vontade por parte do actual goberno municipal de levar a diante este proxecto. Os que traballamos nel estamos e seguiremos estando dispoñibles para debatir cuestións técnicas ou mesmo políticas que o envolven, para realizar axustes ou modificacións nas liñas que o PSOE considere como estratéxicas, para melloralo e seguir medrando. Máis non fomos recibidos ante a nosa petición de diálogo quedando patente que e ningún momento houbo vontade de colaboración. O tema convertiuse nunha liorta política da que pagan o prezo as persoas sen fogar. 

A prensa permítese culpar ás propias persoas sen fogar “que non queren salir da rúa”

Para rematar, convén dicir que o Centro Municipal de Atención Integral era froito da vontade de asumir un liderado público nas intervencións sociais, onde reinan entidades relixiosas. Igual que resultaría anacrónico pensar nunha planta de Oncoloxía liderada pola igrexa, a atención psicosocial non debera ser menos. É unha responsabilidade das admnistracións públicas asumir o groso dos programas e dispositivos do ámbito social. Por unha vez, un goberno local non deixaba en mans de outros a tarefa. Pouco durou a alegría.

Entristecida solo podo dicir que queda confiar na cidadanía, por ser a única que pode alzar a voz e gritar ben alto que dunha vez por todas, hai que dotar de recursos á loita contra o senfogarismo.

 

 

https://praza.gal/opinion/outra-oportunidade-perdida-para-as-persoas-sen-fogar

 

 

praza.gal

Siguenos en Google News
También podría gustarte
Ver comentarios de la noticia

Deja una respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada.

Enable Notifications    Ok No thanks