O evento ten entre os seus obxectivos o de achegarlles aos novos espectadores o xénero escénico dos títeres e o de crear novos públicos para a escena
A programación escolar abrirase o luns 14 de outubro da man da compañía madrileña Tropos Teatro, que representará a súa adaptación de Blancanieves para maiores de 5 anos. A compañía galega Títeres Cachirulo ofrecerá Camiños de aventuras. A xornada rematará con A Xanela do Maxín e a súa obra A toupiña que quería saber quen lle fixo aquilo na cabeza. Xa o martes 15, os galegos Títeres Brincadeira ofrecerán A carteira de Augasclaras. O mércores 16 a compañía galega Danthea Teatro ofrecerá a súa versión do clásico Cincenta. E os madrileños de La Mar de Marionetas realizarán un pase da súa peza Pazzzzzz.
O xoves 17, a Fundación SGAE acollerá La caperucita, adaptación do clásico infantil asinada polos arxentinos de Tres Tigres Teatro. O venres 18, finalmente, os valencianos de Teatro la Estrella pecharán a programación coa peza Los músicos de Bremen. Pola súa banda, o Teatro Principal porá o ramo coa coprodución arxentina-galega Cronopios, de Títeres Cachirulo, Tres Tigres e ChachaKün Teatro.
O público escolar do segundo ciclo da ESO e Bacharelato contarán con dous espectáculos diferentes na programación escolar do XXIV Festival Internacional Galicreques. O primeiro deles poderase ver o martes 15 de outubro no Teatro Principal. Trátase de Varioleto, pechito libertario, dos arxentinos de La Pelela Títeres. E o xoves, 17 de outubro, o Teatro Principal acollerá para as mesmas idades a función de Ultramarinos Finisterrae, montaxe da compañía galega Títeres Alakrán. O conxunto da programación do Festival Galicreques para esta 24ª edición darase a coñecer nas vindeiras semanas.
https://praza.gal/cultura/galicreques-achegara-13-funcions-para-escolares-creando-novos-publicos-para-a-escena