Dimiten os presentadores do Telexornal Serán polo control informativo do goberno do PP na TVG

0

Alfonso Hermida e Tati Moyano, xornalistas do Telexornal Serán da TVG, presentaron o pasado venres a súa dimisión como presentadores do espazo por “razóns profesionais” e “discrepancias coa liña informativa”. Así o adiantou este martes a sección do sindicato CUT na Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e o confirmou Praza.gal con fontes do persoal dos medios públicos galegos.

Hermida e Moyano continuarán presentando o Telexornal durante este verán e ata que comece a nova temporada de outono na TVG, momento no que deixarán o seu posto. A noticia non foi recibida con excesiva sorpresa pola xefatura de informativos nin pola dirección do ente público, conscientes das diferenzas que desde hai tempo mantiñan ambos presentadores coa deriva que gran parte do persoal dos medios públicos leva denunciando desde hai tempo. Tampouco intentaron facer nada por convencelos para que reconsiderasen a súa decisión, que era firme desde hai tempo.

Hermida e Moyano abandonan o Telexornal Serán por “razóns profesionais” e “discrepancias coa liña informativa” do espazo

Segundo fontes do persoal, o “día a día na redacción” e o feito de que os dous xornalistas non dubidasen en amosar o seu malestar coa liña informativa e o xeito de tratar as novas por parte da xefatura fixo que a decisión fose agardada. Só quedaba saber cando se produciría.

A comunicación da dimisión destes dous recoñecidos profesionais, con anos de experiencia na TVG, chegou no mesmo día no que boa parte do persoal mobilizábase no cuarto Venres Negro, unha iniciativa na que os profesionais dos medios públicos galegos apoian as reivindicacións dos seus compañeiros da TVE, denuncian a “manipulación informativa” que din sufrir na televisión e na radio galegas e reclaman xa a creación dun Consello de Informativos.

As diferenzas de criterio entre Hermida e Moyano e os dirixentes da CRTVG eran evidentes e palpables desde hai tempo. Ademais, ambos os dous non dubidaron en situarse na vangarda das reivindicacións das catro xornadas de Venres Negro nas que o persoal vestiu de loito e difundiu a través das redes sociais as súas reclamacións e imaxes con vestimenta moura. “Insistimos na nosa demanda duns medios públicos distintos. É difícil, pero por nós non vai quedar”, publicaba Hermida nese día 15 na súa conta de Twitter, cunha mensaxe semellante á que xa expresara no resto dos días de mobilización. Tamén Tati Moyano difundiu en varias ocasións o seu apoio ás denuncias de manipulación.

[themoneytizer id=”18215-1″]

Non é a primeira vez, ademais, que Alfonso Hermida denuncia, mesmo publicamente o control político sobre a CRTVG. Hai anos, durante a xornada de folga en contra da reforma de lei dos medios públicos galegos, dirixiu un informativo reivindicativo presentado na praza do Toural de Compostela.

O sindicato CUT aplaude “a súa dignidade, tan necesaria nestes momentos”

“Disque teñen xente de sobra para poñer a cara pola manipulacion sen cuestionarse constantemente os contidos, como intentaron facer Alfonso e Tati. Grazas, compañeiros”, publicaba a CUT, sindicato que anunciou que neste vindeiro Venres Negro aplaudirá “a súa dignidade, tan necesaria nestes momentos”. “A ver a quen atopan para substituír estes profesionais con dúas décadas de experiencia, que seica un informativo pode conducilo calquera”, insistiu. Este diario intentou obter, aínda sen éxito, a versión dos feitos por parte da dirección da CRTVG.

[themoneytizer id=”18215-28″]

A dimisión dos dous presentadores chega tamén no medio de continuas protestas de boa parte do persoal da CRTVG. Neste mesmo martes, o Comité Intercentros da CRTVG entregou ao director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, máis de 550 sinaturas de traballadoras e traballadores da Compañía coas que “demandan a continuidade dos informativos locais na Radio Galega” e que a dirección decidiu suprimir a partir do 9 de setembro. Tamén solicitan, ademais, “o reforzo das delegacións territoriais, mermadas de persoal e sen técnicos de control, para ofrecer a inormación de proximidade con maior calidade”.

O Comité Intercentros da CRTVG entregou ao director xeral máis de 550 sinaturas do persoal reclamando que non se supriman os informativos locais da RG

Segundo indica o Comité Intercentros, a entrega das sinaturas coincidiu cunha xuntanza prevista en San Marcos entre o devandito comité e o de empresa provincial da Compañía de RTVE en Galicia. Segundo denuncia, a dirección de Recursos Humanos “non permitiu a entrada dos sindicalistas” dos medios públicos estatais, polo que o encontro tivo que realizarse “na porta do edificio”, unha decisión que, din, “é a primeira vez que se produce” e que relacionan coas mobilizacións que se veñen producindo nas últimas semanas e que reclaman tamén que non se elimine o programa Diario Cultural, da Radio Galega, que deixará de ser un espazo independente desde o vindeiro outono.

Loading…

Miguel Pardo

praza.gal

Siguenos en Google News
También podría gustarte
Ver comentarios de la noticia

Deja una respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada.

Enable Notifications    Ok No thanks