Por que para Galiza a defensa do sistema público de pensións é un asunto de país

0
Con toda probabilidade o debate en torno a suposta inviabilidade do actual sistema público de pensións volverá a estar presente en España, e en Galiza, moi pronto. Un debate, sen dúbidas, necesario pero por razóns moi diferentes as que expoñen expertos e altofalantes ao servizo dos grandes bancos que turran por estender os seus fondos privados de pensións. Un debate especialmente necesario en comunidades como Galiza por mor de que a importancia das pensións públicas é tal que se pode afirmar con toda seguridade que o sistema público de pensións é, para Galiza, un asunto de país.
Un asunto de país por que o presente e o inmediato futuro de Galicia vai depender moito do presente e o inmediato futuro do sistema público de pensións.Varias son as razóns que xustifican debidamente unha afirmación tan categórica. En primeiro lugar que Galiza é, xunto con Asturias, a comunidade española que conta cun maior presenza relativa de pensionistas entre a súa poboación. Unha presenza tal que fai que sexamos unha comunidade na que o nivel de benestar e calidade de moitas familias depende dunha pensión pública. Se nos atemos aos datos da Seguridade social pódese dicir que mais dun terzo das familias galegas viven dunha(s) pensión pública(s). A relevancia social queda, xa que logo, en evidencia.

Unha relevancia que, nembargante, supera o nivel familiar e social para situarse a nivel de comunidade, de país. Galiza é, noutro extremo, unha das comunidades españolas con menor e peor emprego. Si a taxa de ocupación está entre as mais baixas de España o mesmo sucede con salario real medio. Esta dicotomía leva a que o peso das pensións públicas na renda dispoñible seguramente sexa en Galiza un dos mais elevados de España. Unha situación derivada non de ter unhas pensións medias elevadas, están entre as mais baixas de España, senón unha ocupación e uns salarios reais tamén moi baixos.

Esta relevancia a nivel de pais ven xustificada polo feito de que en Galiza o gasto privado das familias (gasto en consumo final dos fogares) é a maior partida de gasto total. E, xa que logo, a maior compoñente da demanda global. Un consumo dos fogares que depende maiormente de renda dispoñible das familias: canto mais baixas son as rendas maior proporción das mesmas se destina ao consumo. Unha renda na que, como subliñamos, o peso das pensións públicas é moi elevado e, xa que logo, condicionante. Si a evolución da demanda global en Galicia depende da evolución do gasto en consumo final dos fogares e estes a súa vez teñen unha grande dependencia dos ingresos derivados das pensións públicas, a conclusión resulta evidente: en Galiza a evolución das pensións públicas condiciona totalmente a evolución da demanda global.

Dada a decisiva importancia que en Galiza ten a demanda no crecemento económico e na creación de emprego estes vense, nas circunstancias actuais, condicionados pola evolución das pensións públicas, do sistema público de pensións. O presente e o futuro inmediato do crecemento económico, a creación de emprego e o benestar en Galiza moito dependen do sistema público de pensións.

Velaí, por caso, por que o sistema público de pensións é para Galiza un asunto de pais. Como tal a súa sostenibilidade e mellora deberían ser defendidas por tódalas forzas políticas e sociais galegas sen excepción. Por caso, defendendo unha reforma constitucional que recolla a blindaxe do sistema público de pensións.

Esta en xogo o presente e o futuro do pais galego.

 

 

https://praza.gal/opinion/por-que-para-galicia-a-defensa-do-sistema-publico-de-pensions-e-un-asunto-de-pais

 

 

praza.gal

Siguenos en Google News
También podría gustarte
Ver comentarios de la noticia

Deja una respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada.

Enable Notifications    Ok No thanks