Mobilización novamente nas rúas da Coruña para exixir a Endesa que garanta o emprego nas Pontes

0
Sindicatos, transportistas, prexubilados, veciñanza das Pontes e representantes da corporación municipal mobilizáronse esta mañá polas rúas da Coruña a onde chegaron os transportistas cos seus camións formando longas colas nas vías de acceso á cidade. A primeira concentración, convocada polas clases pasivas de Endesa, celebrouse diante do viceconsulado de Italia para denunciar a situación en relación cos beneficios sociais. De aí partiron en manifestación cara á Delegación do Goberno, onde conseguiron ser recibidos polo propio delegado do goberno quen confirmou que haberá unha xuntanza con Endesa, Rede Eléctrica e o Ministerio, en Madrid, na última semana deste mes.

 Na xuntanza con Javier Losada participaron representantes das organizacións sindicais –en representación da CIG Alberte Amado-, o alcalde das Pontes, representantes dos transportistas e de Seara, a asociación de empresarios das Pontes.

Amado explica que no decurso da reunión as partes reiteraron a urxente necesidade dunha xuntanza con Endesa, na que estivera tamén o Ministerio, para saber cales son as pretensións da empresa e para exixirlle garantías de emprego e de impulso económico, tanto para a localidade das Pontes como para a súa, neste proceso de transformación.

En todo caso, o representante da CIG matiza que “non é só importante a reunión con Endesa senón tamén co ministerio, que ten moito que dicir xa que a transición ecolóxica pasa polo que eles lexislen e entendemos que non o están facendo dunha maneira ordenada que permita acometer o proceso con tranquilidade para evitar que haxa perda de emprego”.

Amado subliña que a Endesa se lle demanda que non aproveite este proceso de transición ecolóxica para “pechar e deixarnos a todos mangados”,  e que aclare a súa posición, porque máis alá do contacto que se mantivo coa empresa en agosto, non houbo ningún compromiso firme. “Non sabemos cal é a súa postura definitiva, mais cando estaba facendo unha serie de obras para adaptar as instalacións a esa transición e paralizounas o propio venres”.

Obras que Alberte Amado advirte que son imprescindíbeis porque “se non se reanudan hai dous grupos que non poderán producir a partir de xullo do ano que vén”.

Beneficios sociais

Previa a concentración diante da Delegación do Goberno, o colectivo de clases pasivas de Endesa tiña convocada outra diante do Viceconsulado de Italia que se insire no marco da campaña en defensa dos beneficios sociais para este colectivo. A finais de decembro pasado Endesa -valéndose das facilidades introducidas pola reforma laboral- deu por decaído o convenio colectivo, deixando sen marco regulador de referencia os seus empregados e empregadas e aproveitando esta circunstancia para comunicar a supresión dos beneficios sociais e económicos (entre eles a bonificación da tarifa eléctrica) que teñen recoñecidas as clases pasivas (prexubilados/as, xubilados/as, viúvas e orfos/as). Un colectivo que suma máis de 27.000 persoas en todo o estado.

O forte rexeitamento que esta decisión xerou e as  numerosas mobilizacións realizadas, levaron á empresa a adiar a suspensión dos beneficios sociais dende xullo até o 1 de outubro e a retomar a negociación do convenio colectivo. Porén, aínda que a negociación está aberta, o certo é que non se produciu ningún avance. Por iso manteñen unha campaña de protestas na defensa duns dereitos que lles custaron moitos anos e loitas conquistar.

https://www.cig.gal/nova/mobilizanse-novamente-nas-ruas-da-coruna-para-exixir-a-endesa-que-garanta-o-emprego-nas-pontes.html

cig.gal

También podría gustarte
Deja una respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio web utiliza cookies para mejorar su experiencia. Asumiremos que está de acuerdo con esto, pero puede optar por no aceptar nuestras politicas de cookies. AceptarMás información

Politicas de Cookies
Enable Notifications    OK No thanks