La Voz de Galicia continúa co despedimento de traballadores

0

Aos catro despedimentos do 9 de xaneiro nas delegacións da Coruña, Santiago e Lalínsúmanse outros dous traballadores despedidos o 11 de xaneiro en Lugo e Monforte.

O goteo de baixas é incesante e dáse a todos os niveis. Ben pola vía da carta de despedimento, por baixas incentivadas ou polo desalento, o certo é que a Corporación Voz de Galicia está a desfacerse dun bo número de traballadores. A empresa só se compromete a manter o 80 por cento dos empregos.

O descontento entre os traballadores é de tal magnitude, que mesmo hai espantada entre os xefes de sección.

FIN DA PAZ SOCIAL

Moitos dos que quedan non están dispostos a tragar os recortes de persoal e salariais que impón a dirección, que malia a evidente conflitividade laboral que se vive de portas adentro, negou a GC que existise. “A paz social é total”, dicían fontes da empresa a este xornal en decembro pasado, cando xa se coñecían os duros recortes que se ían aplicar. Nada máis lonxe da realidade. Desde entón, a crispación e a indignación, pero tamén o medo, non deixaron de medrar en Sabón e nas delegacións repartidas polo territorio galego.

O enfado xa non se disimula nin agocha tralos muros da empresa. O pasado 10 de xaneiro, os empregados deron un paso inusitado neste xornal, ao enfrontarse publicamente á dirección. Baixo o lema “Nin un só despido”, traballadores de La Voz convovados polo comité de empresa concentráronse en protesta por los despedimentos executados. Pero xa van seis.

“A empresa decidiu romper a paz social nun momento delicado”, denuncian os traballadores, que revelaron que “ningún despedimento foi comunicado ao comité” e que se executaron sen a preceptiva presenza dun representante sindical, co que a empresa tomou estas medidas “con escuridade e mala fe”, criticaron. É por isto que o comité intercentros deu por rotas as negociacións do novo convenio.

Malia isto, a empresa non cesou nos seus plans de, un a un, ir desfacéndose do 20 por cento do cadro de persoal, pero tentando evitar o ERE.

O Estatuto dos Traballadores obriga a empresas con máis de 300 traballadores —como é o caso de La Voz— a aplicar un expediente de regulación de empego cando se extingan 30 ou máis empregos nun período de 90 días. Para non incorrer en fraude de lei, a dirección de La Voz tenta por todos os medios extinguir o 20 por cento dos seus postos mediante diferentes artimañas.

“DESAFÍO AOS TRABALLADORES”

“A dirección de La Voz decidiu proseguir coa súa lamentable política de despedimentos“, láianse fontes da empresa.

“A decisión de despedir a compañeiros/as só se pode entender como un paso máis no desafío aos traballadores, que co seu sacrificio económico e desempeño ao servizo deste medio foron fundamentais para que a empresa non deixase de obter beneficios durante esta época de crise no sector”, defenden as mesmas fontes.

O comité estuda diferentes medidas de presión para responder a “inxustificable actitude da dirección”. Polo momento, a semana pasada anunciaron que todos os despedimentos serán recorridos ante os xulgados. “É inadmisible que isto suceda cando a empresa pechou o exercicio do 2018 con beneficios”, din.

RECORTE SALARIAL

Os despedimentos non son o único “desafío” ante a reestruturación da empresa. Os traballadores veñen apretándose moito o cinto nos últimos anos, con sucesivos recortes salariais, que aceptaron para colaborar na viabilidade da empresa. Porén, xa están fartos de asumir tantos sacrificios e aínda por riba ser despedidos, mentres a compañía segue dando beneficios e na dirección se enchen os petos.

A cúpula quere, unha vez máis, impor unha minoración salarial que oscila entre el 12,5 e o 14,5 por cento en función da nómina dos seus 336 traballadores. Xa no anterior convenio, aínda vixente, aprobáronse unhas rebaixas do 8,5, 9,5 e 11,5 por cento.

http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/83050-voz-galicia-continua-despedindo-traballadores

Siguenos en Google News
También podría gustarte
Ver comentarios de la noticia

Deja una respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada.

Enable Notifications    Ok No thanks