O PP di que as balsas mineiras do Monte Neme son “tan acedas coma a chuvia” e rexeita medidas para garantir a seguridade

0
No cume do Monte Neme, entre Carballo e Malpica de Bergantiños, seguen abertas as balsas mineiras que acumulan os residuos da explotación pechada hai xa sete anos. Nese tempo a última empresa que explotou este xacemento e que estaba obrigada a levar a cabo os traballos de rehabilitación do espazo, Leitosa S.A. (vinculada á rede Gürtel), entrou en concurso de acreedores, deixando sen cumprir as súas responsabilidades de restauración.

Hai uns meses as balsas do Monte Neme volveron poñerse de moda, e moitas persoas chegaron a bañarse nelas, o que pode causar pequenas reaccións alérxicas, irritacións en pel e ollos ou vómitos e diarreas

Hai cinco anos, ademais, unha das balsas (de 23 mil metros cúbicos) rebentou, provocando un aluvión de auga, lama e pedras que arrasou varias leiras nos lugares de Aviño (Malpica) e Razo da Costa (Carballo) e que se dirixiu á praia de Aviño. Máis recentemente, as balsas do Monte Neme adquiriron notoriedade en todo o Estado, por mor dunha campaña publicitaria da Xunta, que promocionaba turísticamente Galicia coas imaxes dos residuos mineiros e que ante as críticas se viu obirgada a retirar. Hai uns meses as balsas do Monte Neme volveron poñerse de moda nas redes sociais, con imaxes de moitas persoas que chegaran a bañarse nas augas cor turquesa, o cal pode causar pequenas reaccións alérxicas, irritacións en pel e ollos ou vómitos e diarreas, tal e como foi advertido dende o hospital da Coruña.

Este venres o Grupo Común da Esquerda presentou unha Proposición Non de Lei que instaba a Xunta a tomar medidas para garantir a seguridade das persoas e protexer o medio ambiente en Monte Neme, seguindo as medidas contidas no Plan de Restauración ambiental aprobado en decembro de 2014. A iniciativa solicitaba que o Goberno galego informase aos grupos parlamentarios dos procedementos administrativos efectuados dende aquel ano 2014.

Antón Sánchez reclamou que “a Xunta garanta a reparación alén dos carteis que se puxeron para que a xente non entre, que foi o único que fixeron”

Porén, a proposta -apoiada por todos os grupos da oposición- foi rexeitada polo Partido Popular, argumentando que esas medidas para garantir a seguridade e a saúde e para protexer o medio ambiente xa se están a adoptar. Ademais, o PP rexeitou facilitar a información requirida, afirmando o deputado Jacobo Moreira que os grupos parlamentarios teñen ferramentas ao seu alcance para solicitar todas as informacións que necesiten.

Antón Sánchez afirmou que “a Xunta debe explicar por que non lle pediu un aval a esta empresa, tal como marca a lei, e responsabilizarse de que abandonase a mina sen restaurala, deixándoa como un perigo para o medio ambiente e a seguridade e a saúde das persoas”. E reclamou que “a Xunta garanta a reparación alén dos carteis que se puxeron para que a xente non entre, que foi o único que fixeron”.

“Desgraciadamente, isto non é ningunha excepción na política mineira do Partido Popular, senón que é a norma, como xa vimos en Santa Comba, Valdeorras ou Touro: facer negocio favorecendo as empresas amigas. Neste caso, a cifra concedida a unha empresa que non asumiu as necesarias reparacións ascendeu aos 600.000 euros”, engadiu.

O deputado do PP afirmou que son “tan hiperacedas coma auga da chuvia, pois a auga de Neme non deixa de ser auga de chuvia tinxida de cor turquesa polo sílice”

Moreira rexeitou todas as críticas realizadas por Sánchez, afirmando que esta situación “se repite en moitísimas ocasións: unha empresa non cumpre as súas obrigas medioambientais porque entra en concurso”. Así mesmo, Moreira negou que as augas das balsas mineiras poidan ser un perigo polo seu carácter “hiperacedo”. O deputado do PP afirmou que son “tan hiperacedas coma auga da chuvia, pois a auga de Neme non deixa de ser auga de chuvia tinxida de cor turquesa polo sílice”.

 

 

https://praza.gal/acontece/o-pp-di-que-as-balsas-mineiras-do-monte-neme-son-tan-acedas-coma-a-chuvia-e-rexeita-medidas-para-garantir-a-seguridade

 

 

praza.gal

Siguenos en Google News
También podría gustarte
Ver comentarios de la noticia

Deja una respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada.

Enable Notifications    Ok No thanks