
A protesta, que se desenvolveu no Castelo de 14:00 a 14:30 horas, chega cando a continuidade da empresa sofre a maior ameaza en 40 anos de historia e é a primeira das previstas nos vindeiros meses para denunciar que ausencia do Goberno central e a probábel repetición das eleccións “alonga no tempo a agonía e achéganos moito máis á posibilidade de que Alcoa dea o seguinte paso na súa estratexia de ou lograr un prezo competitivo na enerxía ou pechar todas as súas instalacións do Estado”.
Neste senso, o presidente do comité de empresa, Xosé Paleo, da CIG, asegurou que non se pode permitir que o Goberno central permita o peche dunha fábrica competitiva como a de San Cibrao “por non ter un prezo para a enerxía que nos permita competir con Francia ou Alemaña” e tendo en conta que o sector do aluminio “é un sector con moito futuro”.
Amosouse convencido que mediante a mobilización “lograremos que a fábrica continúe funcionando e defenderemos os nosos empregos”, ao tempo que chamou ao conxunto do persoal de Alcoa a participar nas protestas “porque hoxe é o primeiro paso, pero queda moito camiño por percorrer” nunha loita que, segundo avanzou, “xa está a dar os seus froitos”. De feito, hoxe mesmo o comité de empresa foi convocado a unha xuntanza coa ministra de Enerxía que terá lugar o vindeiro luns en Madrid.
Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que tamén participou na concentración, cargou tanto contra o Goberno central como contra a Xunta de Galiza ao entender que “é impresentábel” que, por unha banda, o Executivo de Pedro Sánchez “siga a atrasar a solución ao prezo da enerxía coa escusa de que se atopa en funcións a pesar do grave risco da perda de emprego”, e pola outra, o Goberno de Feijóo “continúe sen aprobar o estatuto para a industria electrointensiva”.
Ao mesmo tempo, instou á dirección de Alcoa a “levantar a espada de Damocles que ten sobre as cabezas dos empregados/as como consecuencia da incerteza sobre a continuidade dos seus postos de traballo” e reclámalle que retome canto antes a actividade en todo o complexo industrial.

Protestas e apoio institucional
A concentración de hoxe terá continuidade no mesmo lugar e horario en principio todos os venres deste mes de setembro. Tamén realizarán unha marcha en Lugo até a Subdelegación do Goberno para entregar un escrito solicitando unha xuntanza coa ministra de Transición Ecolóxica, ao tempo que se convocarán unha manifestación central na Mariña e unha concentración en Madrid coincidindo cunha data sinalada (pleno de investidura do Goberno, primeiro Consello de Ministros/as…).
Paralelamente, levarán a cabo distintas xestións en busca de apoio institucional ás súas reivindicacións e ás mobilizacións, comezando pola presentación dunha moción na Deputación Provincial de Lugo reclamando das institucións a urxencia dunha solución para a industria do aluminio. A intención dos traballadores/as é acudir ao pleno o día no que se vaia debater a moción.
Ao mesmo tempo, convocarán os alcaldes e as corporacións municipais da Mariña para demandarlles o seu apoio e colaboración nas protestas e entregarlles mocións solicitando unha solución por parte do Goberno central.
Con todo, dende o comité de empresa queren deixar moi claro que non se trata dun calendario pechado, xa que se irá modificando ou ampliando en función dos acontecementos, e instan ao conxunto dos traballadores/as de Alcoa San Cibrao “a defender na rúa os nosos postos de traballo”.
https://www.cig.gal/nova/os-traballadores-as-de-alcoa-san-cibrao-mobilizanse-en-defensa-do-emprego.html