As residencias de maiores anunciadas pola Xunta en 2017 construiraas en 2020 a Fundación Amancio Ortega
En 2020, precisamente, será cando se comecen a construír esas residencias. Quen o fará non será a Xunta, senón a Fundación Amancio Ortega, que a través dun convenio asinado este venres co Goberno galego asumiu a “construción” e “equipamento completo dos sete inmobles” e a súa posterior entrega ao Executivo. Segundo a previsión lanzada no acto solemne de sinatura, no salón nobre do Pazo de Raxoi, a previsión é que os traballos comecen na primeira metade de 2020 e, segundo a Xunta, ten un “investimento inicialmente estimado en 90 millóns de euros”.
Feijóo anunciou por primeira vez estas sete residencias en febreiro de 2017 cun investimento de 47,7 millóns por parte da Xunta; segundo o acordo asinado agora custarán 90 millóns achegados pola Fundación Amancio Ortega
Se ese calendario se cumpre as residencias iniciarán a súa construción tres anos despois daquel primeiro anuncio dun proxecto publicitado en numerosas ocasións neste tempo tanto polo presidente Feijóo como pola agora conselleira de Política Social, Fabiola García. Así, por exemplo, no debate de política xeral de 2018 en outubro do pasado ano, Feijóo afirmaba que o seu Goberno ía “cumprir o compromiso de construír nesta lexislatura” -isto é, antes de setembro de 2020 agás adianto electoral- as devanditas sete residencias. “No primeiro trimestre do ano que vén estarán licitadas”, dixo situando a contratación das obras por parte da Xunta no horizonte de marzo deste 2019.
https://praza.gal/politica/as-residencias-de-maiores-anunciadas-pola-xunta-en-2017-construiraas-en-2020-a-fundacion-amancio-ortega