A albicia amarela, a planta invasora que ameaza a única poboación de carballo anano de Galicia

0

O carballo anano do Monte Pindo, tamén coñecido como carballo añón ou caxigo (Quercus lusitanica), é único en Galicia. A especie só se atopa nalgúns núcleos do Rif marroquí e en áreas do occidente peninsular ibérico, desde Cádiz até o Portugal central, chegando aos distritos máis setentrionais do sector Divisorio Portugués. A partir de aí, nin rastro desta árbore, até uns 300 quilómetros ao norte, no Olimpo sagrado dos celtas en Galicia, o Pindo, onde de xeito extraordinario se mantén, contra case todo prognóstico, unha poboación singular, única, de carballo anano. Nin sequera os lumes puideron con ela. Porén, unha especie invasora con orixe en Australia ameaza a súa subsistencia.

A planta en cuestión é a Paraserianthes lophantha, coñecida como albicia amarela, unha especie que se foi estendendo sen control polo Monte Pindo logo do devastador incendio do 11 de setembro de 2013 que arrasou 2.323 das 4.628 hectáreas do monte, incluído na Rede Natura.

Investigadores da Universidade de León estiveron aplicando novos métodos de predicións de modelos de distribución de especies que serven para avaliar o risco de invasións biolóxicas a especies de plantas ameazadas –como o carballo anano, incluído no Catálogo Galego de Especies Ameazadas–  e para priorizar áreas para iniciativas locais de conservación. Tamén fixeron experimentos para detectar o efecto da competencia entre o carballo anano e a albicia.

Os resultados indican que a Paraserianthes lophantha representa unha grave ameaza para o Quercus lusitanica no Monte Pindo e exemplifica “a importancia de considerar a interacción entre o cambio climático e a invasión biolóxica cando se avalía o posible desprazamento dunha especie en risco”, destacan os científicos dos seus traballos realizados no Monte Pindo, sendo a investigadora principal Sara Santamarina.

“En Monte Pindo, P. lophantha atópase en contacto coa poboación de Q. lusitanica, o que suxire que a súa posible expansión representaría unha nova ameaza que podería estar a comprometer a conservación de Q. lusitánica”, expoñen.

Comparando os mapas de potencialidade do hábitat, os investigadores observaron que a albicia ten unha maior capacidade de expansión que o carballo anano. De feito, identificaron zonas cunha alta adecuación do hábitat para esta planta invasora que se solapan coas de presenza de carballo anano, “o que suxire a posibilidade de interacción entre ambas as especies a curto prazo” coa expansión da albicia.

Tamén identificaron outras zonas que reúnen condicionantes suficientes para que ambas as especies se establezan. Máis detalladamente, existen zonas nas que coinciden os valores máis altos de idoneidade do hábitat para ambas as especies, correspóndense coas zonas con maior probabilidade de que exista o carballo anano e se vexa afectado pola invasión.

En definitiva, os científicos detectaron zonas nas que está presente o carballo anano cun elevado risco de invasión por albicia.

FUTURO INCERTO

A comunidade científica non obvia que o carballo anano “segue tendo en Galicia un futuro incerto, aínda que tecnicamente se trate dunha poboación protexida”.

Non só os incendios, como o que arrasou o Pindo en 2013, ou outro anterior en 2001, poñen en risco a supervivencia desta especie, que afronta outras ameazas de tipo biolóxico, como a presenza na área de especies exóticas invasoras. Nos niveis altitudinais máis baixos, onde se asenta o núcleo poboacional, na proximidades á aldea de San Cibrán, cultívase eucalipto, pero tamén está a penetrar a invasora albicia amarela.

Con todo, outro equipo de científicos foi sorprendido pola resistencia do carballo anano, logo do devastador incendio de setembro de 2013, que queimou practicamente toda vexetación en superficie no Monte Pindo. “Na primavera seguinte apreciábanse rebrotes na gran maioría dos exemplares de carballos ananos arrasados polo lume”, destacaron os investigadores Javier Amigo Vázquez e M. Inmaculada Romero Buján, do Departamento de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que tras observacións realizadas sobre o terreo afirmaron noutro traballo que Quercus lusitanica “parece desenvolver a súa propia estratexia de loita” contra os lumes

ESPERANZA

O carballo anano ten no Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) a súa última esperanza de salvación en Galicia. Nos laboratorios do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas, en Santiago de Compostela, levan anos traballando para garantir a supervivencia deste arbusto, incluído no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Os únicos exemplares en Galicia localízanse no Monte Pindo —que marca o punto máis setentrional desta especie—. No CSIC crearon un protocolo para a micropropagación e conservación a curto prazo de Quercus lusitanica, o cal abre unha nova vía á súa supervivencia.

Este foi o primeiro estudo que define un método simple para a micropropagación desta especie a través da proliferación de brotes axilares, utilizando un protocolo de enraizamento e aclimatación de alta frecuencia. 

Os resultados, din os autores do estudo, “parecen indicar un bo potencial para a aplicación de técnicas de micropropagación no carballo anano de orixe madura”, ofrecendo esta tecnoloxía desenvolvida en Galicia “excelentes oportunidades e ferramentas para a rápida reposición e conservación” desta especie na súa contorna natural.

https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/103738-albicia-amarela-planta-invasora-ameaza-unica-poboacion-carballo-anano-galicia

galiciaconfidencial.com

Siguenos en Google News
También podría gustarte
Ver comentarios de la noticia

Deja una respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada.

Enable Notifications    Ok No thanks