O 52% do profesorado de secundaria con destino provisional imparte materias diferentes á súa

0
A CIG-Ensino vén denunciando, de forma reiterada, a falta de vontade da Consellaría por atallar o problema da precarización das condicións laborais do profesorado galego que imparten docencia na ESO, o Bacharelato e a FP, así como nas ensinanzas de réxime especial. A adxudicación dos destinos provisionais nos diferentes corpos de secundaria confirma hoxe, máis unha vez, esta situación.

Un total de 4.905 docentes destas etapas educativas terán destino provisional no presente curso escolar. A cifra supón unha redución do 10% do profesorado sen destino definitivo, froito da importante oferta de prazas definitivas negociadas polas organizacións sindicais e os servizos centrais da Consellaría logo das demandas reiteradas da CIG-Ensino e dun estudo pormenorizado realizado polo sindicato no que se evidenciaba un abuso da temporalidade nos destinos entre o profesorado en expectativa de destino.

É precisamente este profesorado o que máis se reduce, un 14% menos que no curso pasado. Porén, a CIG-Ensino alerta de que esta cifra ten aínda moita marxe para se reducir, especialmente polas xubilacións que se están a producir. Por iso advirte de que estará vixilante para que se cumpra o compromiso da administración educativa de continuar con amplas ofertas nos próximos concursos de traslados.

Afíns, desconexión coa especialidade e horario lectivo excesivo, principais problemas

O 30% do profesorado que vén de obter un destino provisional ten unha afín ou un ámbito que impartir a maiores da súa propia especialidade. Un 13% das prazas levan aparellada a impartición dun mínimo de 2 materias diferentes á súa especialidade. Tendo en conta a impartición de ámbitos nos Programas de Mellora da Aprendizaxe (PMAR) na ESO e os módulos de FP Básica, a conclusión é que un 52% do profesorado con destino provisional imparte outras materias diferentes á súa. Estas cifras implican que se manteñen as porcentaxes de prazas con afíns e impartición de ámbitos destes últimos cursos.

A esta cifras xa avultadas hai que lle engadir un número importante de docentes con destino definitivo que tamén imparten materias afíns, o que agrava aínda máis a situación. A negativa da Consellaría de Educación a reducir as afíns e a negociar que materias se poden asignar como afíns leva a adxudicacións totalmente fóra de lugar e que contraveñen calquera mínimo rigor e respecto pola especialización, a formación docente e a calidade educativa.

Na inmensa maioría dos casos que se poden observar na adxudicación de destinos a última responsabilidade é da limitación de profesorado imposta pola Consellaría, o que leva ás direccións dos centros a incorporar perfís que non se deberían dar se os cadros de persoal fosen o suficientemente amplos.

Para a CIG-ensino, “a falacia na que vive instalada a Consellaría cando afirma que as prazas son solicitadas polo profesorado voluntariamente non se sostén”. Neste sentido denuncia a incerteza na que se atopa o profesorado interino e mesmo o que está en expectativa sobre o destino que poderán ter ou non leva ao profesorado a incluír nas súas peticións esas afíns se queren traballar, sendo interinos, ou obter un destino mellor se están en expectativa. “Non falamos, por tanto, de voluntariedade, senón dunha obriga inducida pola política de recortes da Consellaría de Educación”.

Educación, última responsábel

A Consellaría de Educación é, xa que logo, para a CIG-Ensino, a última responsábel desta situación. Por iso insiste na necesidade de encetar unha negociación sobre todo o relacionado coa adxudicación de destinos provisionais, desde a regulación das afíns á negociación das prazas e un cambio no calendario de adxudicación pasando polos cadros de persoal, que só coa recuperación do horario de 18 períodos lectivos vería reducido parcialmente os efectos de manter un elevado número de prazas con afíns.

Erros na adxudicación e a realidade dos centros fronte á adxudicación..

Nas primeiras horas despois da adxudicación están a chegar ao sindicato queixas do profesorado por eliminación de vacantes que se ofertaban o 31 de xullo, froito sen dúbida dos últimos recortes ordenados pola dirección xeral de centros a través das inspeccións educativas, problemas relacionados coas renuncias do profesorado interino na aplicación informática e xa nunha primeira achega de perfís, que desde os centros indican que seguramente non se van corresponder coa adxudicación, o que supón un trastorno e unha falta de respecto para o profesorado que ve como finalmente a realidade que se vai atopar no centro difire do destino que obtivo.

Diante desta situación, a CIG-Ensino anima a todo o profesorado afectado por erros na adxudicación, mais tamén por incorreccións nos perfís das prazas detectados unha vez que se incorporen aos centros, a presentar demandas para preservar os dereitos que lle terían correspondido se a administración fixese correctamente o seu traballo.

Anexo: algúns exemplos dos perfís das prazas que amosan unha clara precarización do traballo do profesorado dos corpos de secundaria.

 

Especialidade Afín Afín 2 Ámbitos ou Módulos
590004-Lingua castelá e literatura 590061-Economía    
590004-Lingua castelá e literatura 590001-Filosofía 590061-Economía  
590004-Lingua castelá e literatura 590001-Filosofía 590019-Tecnoloxía Ámbito Lingüístico e Social
590005-Xeografía e historia 590009-Debuxo    
590005-Xeografía e historia 590006-Matemáticas 590019-Tecnoloxía  
590005-Xeografía e historia 590009-Debuxo 590061-Economía  
590005-Xeografía e historia 590017-Educación Física 590019-Tecnoloxía Ámbito Lingüístico e Social
590005-Xeografía e historia 590002-Grego 590009-Debuxo Ámbito Lingüístico e Social
590005-Xeografía e historia 590017-Educación Física 590019-Tecnoloxía Ámbito Lingüístico e Social
590006-Matemáticas 590001-Filosofía 590007-Física e química  
590006-Matemáticas 590005-Xeografía e historia   Ámbito Científico e Matemático
590007-Física e química 590105-Formación e orientación laboral   Módulo de Ciencias Aplicadas
590008-Bioloxía e xeoloxía 590001-Filosofía    
590008-Bioloxía e xeoloxía 590004-Lingua castelá e literatura 590006-Matemáticas  
590009-Debuxo 590004-Lingua castelá e literatura    
590009-Debuxo 590004-Lingua castelá e literatura    
590009-Debuxo 590004-Lingua castelá e literatura 590053-Lingua e literatura galega  
590009-Debuxo 590003-Latín 590005-Xeografía e historia  
590010-Francés 590009-Debuxo 590016-Música  
590010-Francés 590001-Filosofía 590061-Economía  
590011-Inglés 590019-Tecnoloxía    
590011-Inglés 591221-Procesos comerciais    
590011-Inglés 590105-Formación e orientación laboral 590010-Francés Módulo de Comunicación e Sociedade
590016-Música 590010-Francés 590019-Tecnoloxía  
590017-Educación física 590007-Física e Química 590008-Bioloxía e Xeoloxía  
590019-Tecnoloxía 590221-Procesos Comerciais 590110-Organización e xestión comercial  
590019-Tecnoloxía 590001-Filosofía    
590053-Lingua e literatura galega 590008-Bioloxía e xeoloxía 590017-Educación física  
590053-Lingua e literatura galega 590010-Francés 590019-Tecnoloxía  
590053-Lingua e literatura galega 590005-Xeografía e historia 590011-Inglés  
590053-Lingua e literatura galega 590008-Bioloxía e xeoloxía 590017-Educación física  
590053-Lingua e literatura galega 590010-Francés 590019-Tecnoloxía  
590103-Asesoría e procesos de imaxe persoal 590006-Matemáticas    
590103-Asesoría e procesos de imaxe persoal 590006-Matemáticas    
590125-Sistemas electrotécnicos e automáticos 590007-Física e Química 590105-Formación e Orientación Laboral  
591228-Soldadura 590105-Formación e Orientación Laboral    
591229-Técnicas e procedementos de imaxe e son 590006-Matemáticas 590007-Física e Química Ámbito Científico e Matemático

 

 

 

 

https://www.cig.gal/nova/o-52-do-profesorado-de-secundaria-con-destino-provisional-imparte-materias-diferentes-a-sua.html

cig.gal

Siguenos en Google News
También podría gustarte
Ver comentarios de la noticia

Deja una respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada.

Enable Notifications    Ok No thanks