A traxectoria e as viaxes da guerrilleira Consuelo Rodríguez López

0
Camilo de Dios –un guerrilleiro valente, entregado á causa antifranquista desde moi novo, ao que admiro e quero– e Consuelo Rodríguez López, a título póstumo, recibirán o próximo día 13 o Premio “Mártires da Liberdade”, pola súa loita contra a ditadura e pola defensa da xustiza, a liberdade e a democracia. O acto desta 7ª edición dos premios, concedidos pola Asociación Cultural e Teatral “Abril de Lume e Ferro”, será na Casa da Cultura de Carral. 

As actividades e as prácticas políticas das mulleres foron esenciais para a resistencia antifranquista, como puxen de relevo nunha investigación, que demorou cinco anos, materializada no libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega (Laiovento, 2011) e no documentario As silenciadas de Pablo Ces. Unha das guerrilleiras que figuran en ambos os formatos foi Consuelo Rodríguez López, Chelo, que morreu o pasado 18 de xullo, a tres meses de cumprir os 100 anos. Con tal motivo, vou lembrar, brevemente, a traxectoria da guerrilleira de Soulecín e a súa mobilidade. Porque as viaxes de Chelo non estiveron motivadas, como acontece con outras mulleres, pola súa formación, por temas profesionais, económicos, pola vivencia da estranxeiría, por lecer ou por outros motivos. A súa foi unha mobilidade forzada por mor das actividades como resistente e estivo motivada pola represión, polas mudanzas carcerarias, pola clandestinidade, polo exilio… Aquelas circunstancias deixaron na súa vida unha pegada inapagábel, igual que sucedeu a outras moitas vencidas.

 

Guerrilleira da chaira e do monte

En Soulecín (Barco de Valdeorras) aínda fican en pé os muros da casa da familia Rodríguez López,  coñecida entre os membros da guerrilla como “A Fortaleza”, porque tanto o matrimonio formado por Domingo Rodríguez Fernández e Amalia López Ojea como a súa descendencia, cinco fillos e dúas fillas, colaboraron cos primeiros fuxidos e cos membros da guerrilla xa organizada, na que se integraron como enlaces e como combatentes. Tras os horrores da guerra e a represión posterior, só sobreviviron tres membros daquel grupo familiar: os pais foron fusilados o 18 de outubro de 1939 –o día do aniversario de Chelo– e catro irmáns foron caendo en diferentes momentos na década de 1940: Roxelio (1941), Sebastián (1942), Domingo (1946) e Alfonso, irmán xémeo de Chelo (1949). O fillo máis vello, Francisco, fixo labores de enlace desde Ponferrada. E Antonia, que morreu na súa casa de París en 2012, seguiu unha traxectoria semellante á de Chelo. 

A represión marcou a vida de Consuelo Rodríguez López (Soulecín, 18 de outubro de 1919- Ìle de Ré, 18 de xullo de 2019). A traxedia familiar, que se iniciou co fusilamento dos pais, inclinouna máis á loita a prol da liberdade e da causa do movemento guerrilleiro no que loitou no seo da “Federación de Guerrillas León-Galicia”. Ela foi guerrilleira da chaira e posteriormente pasou á guerrilla do monte, cando xa estaba queimada como enlace. Fixo parte do SIR (Servizo de Información Republicano), prestou apoio loxístico aos seus compañeiros e irmáns e levou a cabo arriscadas misións, como introducir armas no cárcere de Ourense. Polo seu compromiso coa guerrilla estivo nos cárceres do Barco de Valdeorras, en Ponferrada e en León. En 1945 pasou á clandestinidade e con base na “Cidade da Selva”, nos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras), seguiu a disciplina da Federación ao igual que os seus compañeiros: fixo gardas, cargou cos seus macutos nas longas marchas nocturnas; moveuse polos picos máis altos e por enormes desfiladeiros en noites de fuxida apresurada, agochouse en refuxios improvisados, en “chozos”, en casas de apoio… E, como estaba armada –aprendera a tirar con Arcadio Ríos Rodríguez, o seu compañeiro sentimental– participou nalgúns combates nas Morteiras e na Bruña, nos montes de Casaio. Tamén aprendeu a ler e escribir naquela estadía clandestina. 

Cando os campamentos da “Cidade da Selva” foron descubertos e desmantelados en xullo de 1946, abandonou o lugar, seguiu agachada por onde puido e máis tarde trasladouse a Madrid, onde estivo arredor de ano e medio. Nunha viaxe organizada polo seu cuñado César Ríos, e a través duns enlaces, chegou a San Sebastián coa pistola como única documentación. De alí foi a Hendaia onde a deixaron ao pé dunha rocha desde a que comezou a subir a montaña para se encontrar cos compañeiros que estaban agardando por ela. Era abril de 1949. 

 

 

https://praza.gal/opinion/a-traxectoria-e-as-viaxes-da-guerrilleira-consuelo-rodriguez-lopez

 

 

praza.gal

Siguenos en Google News
También podría gustarte
Ver comentarios de la noticia

Deja una respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada.

Enable Notifications    Ok No thanks