TPG non retirará os recursos contra a resolución de Augas de Galiza nin o ERTE, nin pedirá autorización
Por parte dos membros do consello de administracións de Ithaka díxose descoñecer a existencia deste plan e non amosaron ningún interese por abordar a súa negociación, a pesar de que o comité presentou ese documento por rexistro á dirección da fábrica de Cee. “Tamén se confirmou que teñen un plan de continuidade da política empresarial seguida até agora por FerroGlobe para o complexo industrial-enerxético e de aí que non retiren nin o ERTE nin os recursos legais”, alertan.
Ante estes feitos, a maioría do comité reclama á Xunta de Galiza que interveña de inmediato e lle requira a Ferroatlántica o cumprimento da legalidade vixente en relación aos dereitos concesionais, “pois o Goberno galego ten plenas competencias nesta materia e pórse do lado dos traballadores/as e da comarca implica que deba exercelas”.
Concentracións semanais a partir do martes 10 de setembro
A este respecto, recordar que os traballadores e traballadoras acordaron onte en asemblea mobilizarse diante do Concello de Cee todos os martes, ás 19:30 horas, a partir do vindeiro 10 de setembro, até que se teña resposta da Xunta de Galiza á demanda do plan de viabilidade.
Non se pode esquecer que a salvagarda e tutela do interese público inherente á explotación dos aproveitamentos hidroeléctricos está inescusablemente unida á continuidade do negocio de ferroaliaxes e á non segregación das actividades de produción. Esta condición esencial da concesión é a garantía da viabilidade das fábricas e dos empregos e o seu incumprimento constitúe un motivo de extinción das concesións.
Por último, lembraron que seguen á espera de que Augas de Galiza conteste aos escritos presentados polo comité e ao informe elaborado pola UdC no que fica claro que esta operación non se pode levar adiante sen previa autorización administrativa, por moito que FerroGlobe e TPG-Ithaka se escuden en que non hai cambio de titularidade da concesión, senón que se trata dunha compra do 100% do capital.
https://www.cig.gal/nova/tpg-ithaka-confirma-que-non-retirara-os-recursos-legais-contra-a-resolucion-de-augas-de-galiza-nin-o-erte-nin-pedira-autorizacio.html