Xove, traballador social de formación, é traballador de Correos e integrante de diversas bandas musicais e tamén membro activo da Marea Atlántica. Acudiu ao Pazo do Hórreo acompañado polo ex-alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro e membros do propio grupo. O seu obxectivo, afirmou, é contribuír dende o lexislativo a que “acabe a infame época de Feijóo” e facelo “con toda a ilusión” de “achegar un gran de area” a “acadar o novo modelo que necesita urxentisimamente o noso país”.
O novo parlamentario optou por prometer o cargo “por imperativo legal” e tentou “acatar o Estatuto e a Constitución mentres non sexan estes textos reformados e derrogados, afondando nos seus principios de xustiza social, igualdade e loita por un medio ambiente sustentábel, tal é o desexo da maioría social que me trouxo a este escano”. No entanto, o presidente da Cámara, Miguel Santalices, interrompeu a súa intervención e deu inicio ao pleno ao considerar que a promesa do cargo xa fora “feita”.
Tras a incorporación de Xove a seguinte principal novidade parlamentaria do novo curso político chega este mércores na sesión de control, a primeira na que intervirá o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que tomou posesión da súa acta no remate do anterior período de sesións. O líder socialista cuestionará a Alberto Núñez Feijóo “sobre o plan de acción do Goberno galego para o que queda de lexislatura”.
https://praza.gal/politica/o-pp-defende-o-veto-as-camisolas-contra-o-decoro-no-parlamento-para-poder-debater-sen-presions