A Xunta responsabiliza o Goberno central de todos os obstáculos para a emisión de medios como Cuac FM
Dende entón o Goberno galego non se pronunciara sobre o revés xudicial. Porén, vén de facelo en resposta a unha pregunta escrita rexistrada polo BNG no Parlamento. En calquera caso, a Xunta limítase a botar balóns fóra, responsabilizando o Goberno central de todos os obstáculos que tivo que enfrontar a emisora coruñesa e do bloqueo á legalizacións dos medios comunitarios.
A Xunta rexeita valorar a cuestión en termos xerais, e limítase a indicar que a sentenza do TSXG “refírese ao caso concreto de Cuac FM”
A pregunta do BNG refírese en primeiro lugar á situación dos servizos comunitarios audiovisuais sen ánimo de lucro tralo pronunciamento do Tribunal Supremo e polas medidas que o Goberno galego “prevé adoptar para garantir os dereitos de emisión destes servizos”, dando cumprimento ao disposto na Lei do Audiovisual do ano 2010. Porén, a Xunta rexeita valorar a cuestión en termos xerais, e limítase a indicar que a sentenza do TSXG “refírese ao caso concreto de Cuac FM”. Ademais, o Goberno galego afirma que “o Supremo non entra na interpretación que, con respecto á situación actual destas emisoras, debe dárselle á regulación que se fai delas na actual Lei Xeral de Comunicación Audiovisual”.
Aquela lei aprobada no ano 2010 recoñecía a existencia e funcións das radios e televisións comunitarias e na súa disposición transitoria 14ª indicaba que nun prazo de 12 meses o Estado debía conceder licenzas de emisión a aquelas radios e televisión sen ánimo de lucro que estivesen en funcionamento con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2009. Este punto da lei nunca foi desenvolvido.
Na súa resposta a Xunta nega toda responsabilidade na falta de desenvolvemento desta norma, e culpa en todo momento ao Goberno central, sinalando que “as medidas que pode adoptar a Xunta de Galicia, limitadas ao outorgamento de licencias, teñen que vir precedidas doutras actuacións que lle corresponden á Administración xeral do Estado, como é a dispoñibilidade do dominio público radioeléctrico necesario para que poidan operar ese tipo de emisoras”.
https://praza.gal/acontece/a-xunta-responsabiliza-o-goberno-central-de-todos-os-obstaculos-para-a-emision-de-medios-como-cuac-fm