O persoal de Ferroatlántica mobilizarase todos os martes no Concello de Cee para esixir á Xunta que actúe
Neste senso, avanzan que dende o comité se vai presentar un escrito en Augas de Galiza coas alegacións á reorganización societaria de Ferroatlántica (publicada no BORME o pasado 29 de agosto) separando as ramas do negocio industrial e hidroeléctrico, ao entender que esta medida contravén abertamente as cláusulas das concesións das que é titular nos Ríos Xallas e Grande.
A vinculación, condición esencial da concesión
“Hai que lembrar, subliñan, que a salvagarda e tutela do interese público inherente á explotación dos aproveitamentos hidroeléctricos, está inescusablemente unida á continuidade do negocio de ferroaliaxes e á non segregación das actividades de produción”. Esta condición esencial da concesión é a garantía da viabilidade das fábricas e dos empregos e o seu incumprimento constitúe un motivo de extinción das concesións.
A reorganización societaria de Ferroatlántica racha claramente coas obrigas legais a este respecto, polo que dende o comité se solicitará a Augas de Galiza que inicie as actuación pertinentes para requirirlle á empresa o cumprimento da legalidade vixente en relación aos dereitos concesionais. Así mesmo, dende o comité ínstase a este organismo a que adopte todas as medidas que estime oportunas para garantir o cumprimento do interese xeral que xustifica a cláusula esencial de non segregación.
No tocante ao anuncio de que a operación de venda a TPG-Ithaka está efectivizada, reiteran que non se axusta á legalidade, polo que levará adiante todas as accións sindicais e legais que considere oportunas.
https://www.cig.gal/nova/os-as-traballadores-as-de-ferroatlantica-acordan-mobilizarse-todos-os-martes-diante-do-concello-de-cee-para-esixir-a-xunta-que-a.html