A Presidencia di que non suma limitacións ás existentes; a oposición ve novos atrancos á liberdade de expresión
Ademais, lémbrase a facultade da Presidencia para facer gardar a “orde e o decoro en calquera dependencia” do recinto. Deste xeito, o presidente “impedirá a presenza de persoas que utilicen prendas de vestir, accesorios, carteis, fotografías, pancartas ou calquera outro elemento que poida resultar alusivo a algún deputado, organización, institución ou terceiras persoas ou que, de calquera xeito, menoscabe o decoro da Cámara”, conclúe o documento.
A versión oficial
Mentres os grupos da esquerda detectan unha aposta do PP por limitar actos reivindicativos e mesmo actividades dos grupos da oposición -caso de xornadas parlamentarias organizadas polo PSdeG ou do Parlamento Aberto que periodicamente impulsa o BNG-, dende a Presidencia do Parlamento négase tal intención. Así, fontes do órgano reitor da Cámara consultadas por Praza.gal aseguran que a intención é simplemente “poñer por escrito” limitacións xa existentes.
A intención do documento remitido aos grupos, segundo as mesmas fontes, é condensar nun texto regulamentario os “usos e costumes” que xa rexen no lexislativo galego e que, agregan, son menos “restritivos” que noutros parlamentos e desenvolven o Regulamento da Cámara. Ademais, a xuízo da Presidencia, regular este veto a actos reivindicativos nun documento escrito mellorará a “transparencia” a respecto de limitacións que son expresadas verbalmente por Santalices cando, por exemplo, un colectivo convidado ao pleno expresa unha protesta dende a bancada do público.
https://praza.gal/politica/o-parlamento-ratifica-o-veto-a-actos-reivindicativos-nas-suas-instalacions-fixandoo-por-escrito