A Fundación terá que indemnizar á que ía ser candidata da CIG e pagarlle os salarios adebedados

0
O xulgado do Social nº 1 de Compostela vén de emitir a primeira sentenza do conflito laboral na Fundación Junior´s declarando improcedente o despedimento da que ía ser candidata da CIG. O auto tamén confirma as sospeitas arredor desta fundación, na órbita do OPUS DEI, que actúa como un grupo empresarial con varias ramas constatando que esta traballadora tivo contratos e nóminas de ata catro empresas diferentes nos 22 anos que prestou servizos neste centro. Ademais ditamina que terán que indemnizala e pagarlle todos os salarios adebedados.

A CIG-Ensino parabénizase pola sentenza favorable sobre o recurso ante o despido disciplinario efectuado pola xerencia do Colexio Junior´s a inicios deste ano 2019. Logo de denunciar en varias ocasións, e ata en rolda de prensa, a situación que se vivía neste colexio, con impagos de varios meses a traballadoras e irregularidades contractuais, a xerencia despediu “por motivos disciplinarios” a esta traballadora, con acusacións (invencións) gravísimas que agora desmonta unha por unha esta sentenza.

Máis ao contrario, o auto xudicial pon de manifesto “a falta de veracidade dos feitos que se consignan na carta extintiva e que a redacción do documento é abstracta e inconcreta”. A improcedencia do despido leva aparellada a condena á empresa ao abono dos salarios de tramitación desde a data de efectos do despido ata a da resolución, (198 días). Ademais deberá pagarlle unha indemnización e os salarios que lle adebedaba antes do despido.

Entramado de empresas

A sentenza tamén estima as sospeitas da CIG-Ensino a respecto de que a Fundación Junior´s forma parte dun grupo empresarial, con distintas ramificacións, a efectos laborais. De feito a demandante tivo contratos con catro empresas diferentes durante a súa vinculación laboral co centro: Colegio Junior´s SL, Junior´s Servicios Integrales SL, Fundación Junior´s CAESGA e Diego Rosales, algunha delas con obxectos sociais tan peculiares como actividades de hostalaría e restauración, adquisición de bens inmóbeis e publicación de libros”.

Represalia sindical

Mediante este despedimento a empresa pretendía amedrentar as traballadoras malia deberlles á maioría os soldos desde decembro de 2018, “nunha burda estratexia que mantiveron todo o ano a pesar das reiteradas peticións do sindicato e das traballadoras a negociar o pago das débedas”, explica Rubén F. Monteagudo, secretario comarcal da CIG-Ensino.

Ademais pretendían neutralizar a posibilidade de que a CIG puidese presentar candidatura ás eleccións sindicais do centro, “cousa que non só non ocorreu senón que finalmente presentamos outra candidata que foi a elixida como delegada das traballadoras”, indicou.

En calquera caso, “quedou demostrado con esta primeira sentenza (á que seguramente se lle unirán outras) que as denuncias da CIG-Ensino, cualificadas como “falacias” por parte do empresario, eran unha realidade”, sentenciou.

A CIG aproveita este fallo xudicial para instar á Consellería e á inspección laboral a continuar tomando cartas no asunto ante a lamentable situación deste centro e das súas traballadoras.

Siguenos en Google News
También podría gustarte
Ver comentarios de la noticia

Deja una respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada.

Enable Notifications    Ok No thanks