A CIG-Ensino pide derrogar a LOMCE e que a relixión quede fóra das aulas

0
O xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Compostela vén de desestimar a demanda dunha familia que pedía a anulación da matrícula dun alumno de 1º de Bacharelato que se viu obrigado a cursar Relixión para poder elixir a materia de Robótica. A CIG-Ensino insiste na necesidade de derrogar a LOMCE canto antes por afianzar a presenza e o valor académico da Relixión católica nos currículos da ESO e do Bacharelato. Fronte a isto defende un ensino laico, igualitario, inclusivo e con perspectiva de país e “non nos cansaremos de seguir reivindicando que a relixión se manteña fóra das aulas”.

No auto tamén se exime de toda responsabilidade á Xunta de Galiza malia ser esta a que publicou o Decreto de 2015, que emana da LOMCE e que regula as materias que se deben cursar como específicas en 1º de Bacharelato. Esta mesma situación tamén se dá co alumnado que escolle Coeducación para o século XXI nese mesmo curso.

A CIG-Ensino lamenta que o xuíz encargado de ditar esta sentenza asuma como “natural” que se teña que prescindir obrigatoriamente de Robótica se non se quere cursar Relixión católica e desbote os argumentos achegados na demanda que aludía a que a obriga de optar pola Relixión para poder elixir Robótica vulnera o dereito fundamental á educación, en relación cos dereitos fundamentais de liberdade ideolóxica e de igualdade.

Neste sentido, a fundamentación da denuncia contra o acto de matrícula materializado no curso 2017/2018 baseábase en que “o alumnado con conviccións relixiosas católicas poderá cursar todas as materias do currículo escolar, mentres que o alumnado que queira ver respectadas as súas conviccións verá restrinxida a súa capacidade de elección, dispoñendo dunha oferta curricular menor”. A denuncia fíxose a iniciativa da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e contou co asesoramento da asesoría xurídica da CIG-Ensino.

Se non se quere relixión hai que renunciar a robótica

A conclusión do auto non pode ser máis clara: se non se quere cursar Relixión hai que renunciar á Robótica, o que desde o punto de vista do sindicato implica unha clara discriminación con aquel alumnado, que no Bacharelato é claramente maioría, que non desexa ter clase de Relixión.

No auto atribúese a responsabilidade desta situación exclusivamente á configuración da oferta formativa dos centros educativos, sen ter en conta que a norma que regula o currículo de 1º curso de Bacharelato emana da LOMCE e que a Consellaría de Educación tamén tería potestade para modificar esta cuestión.

No citado Decreto 86/2015 especifícase que Relixión católica é a única materia específica cunha carga lectiva dunha hora semanal e que o total de horas que deben sumar as materias específicas de opción e as de libre configuración neste curso é de seis horas semanais, tendo que cursar o alumnado un total de tres. Pola súa parte, Robótica, Antropoloxía ou Coeducación para o século XXI, por exemplo, son materias de libre configuración autonómica que, segundo as Ordes da Xunta que as regulan, teñen unha carga lectiva de dúas horas semanais.

Así pois, e dado que os centros teñen que ofertar, sempre que teñan matrícula suficiente, todas as materias específicas (que teñen disparidade horaria chegando algunhas a catro horas semanais), calquera estudante que opte por algunha das materiais de libre configuración autonómicas terá que completar obrigatoriamente as seis horas con Relixión católica. Esta situación, como ten denunciado a CIG-Ensino en reiteradas ocasións solucionaríase cunha regulación de carga horaria diferente das materias de libre configuración autonómica.

Siguenos en Google News
También podría gustarte
Ver comentarios de la noticia

Deja una respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada.

Enable Notifications    Ok No thanks