O outro día levei unha gran decepción, adeus ao Diario Cultural

0

O outro día levei unha gran decepción.

Aínda faltaban vinte minutos para as catro da tarde e, mentres faenaba na cociña, movín o dial do receptor e pasei da Cadea Ser á Radio Galega. De súpeto, cando esperaba escoitar a Ana Romaní, Xela Arias ou Anxo Quintela, atopeime con outro locutor e outro tema completamente distinto.

Acababa de aterrar. Era setembro. Diario Cultural deixaba de existir e no seu lugar emitían Zona Mixta. Abaixo a cultura. Viva o fútbol.

Nunha época bastante longa da miña vida coincidiume oír o Diario Cultural case a diario, e valla a redundancia. Volvía do traballo e no tempo que me levaba o traxecto de volta no coche funme namorando devagar deste programa que falaba de cousas tan interesantes para min. Lembro cando aínda duraba unha hora en antena e contaba nos cinco últimos minutos coa colaboración de Anxos Sumai, Queipo, Caneiro ou Murado.

E como despois foi reducíndose paulatinamente o seu tempo de emisión, se ben reestruturándose con novas formulacións e mantendo esa dignidade propia do que é auténtico e está ben feito.

Nos últimos tempos xa non o oía tan asiduamente. Pero sempre que podía, despois de xantar, dáballe voltas á roda do dial e ía por un momento á Radio Galega, esa emisora que sempre estivo tan lonxe, tan preto de min.

Cando souben da intención da radio pública de Galicia en querer suprimir o Diario Cultural pareceume unha puñalada no propio corazón do país por parte daqueles que, precisamente, deberían apoiar, valorar e dignificar a lingua e a cultura pola cal, se cadra, eles estean aí. Pero non.

Eludamos ese espírito crítico, fundamental para o progreso dunha comunidade que presuma de democrática, moderna e europea, e, xustificándonos na sempiterna guerra de audiencias, deamos paso ao fácil, ao “popular”, ao maior espectáculo do mundo.

Que del non andamos sobrados. Pan e circo –festas gastronómicas e fútbol– e todos tan contentos, propio de gobernos mentecatos, daqueles de pensamentos reducidos que evitan o desenvolvemento intelectual do seu propio pobo.

Nos meus traxectos no coche oíndo o Diario Cultural sempre soñaba con que algún día eu tamén puidese intervir nel. E ese soño cumpriuse por fin. Menos mal que aínda cheguei a tempo.

Quixera desde aquí agradecer ao programa de todo corazón (apuñalado) tantos e tantos anos de emisión, tantos e tantos anos de esforzo, dedicación, loita, compromiso e solidariedade con todos os seus oíntes, con todo ese fato de “roxos” que conformaba a súa audiencia.

Se cadra, sexa este o quid da cuestión. En ver fantasmas onde non os hai. Pero, para que non protestemos, agora creo que a Radio Galega vai ofrecer espazos culturais de xeito intermitente, en forma de cápsulas, coma se realmente fosen unha enfermidade que combater.

Álex Alonso

Siguenos en Google News
También podría gustarte
Ver comentarios de la noticia

Deja una respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada.

Enable Notifications    Ok No thanks