O Comité Técnico de Árbitros exclúe o galego das actas dos partidos

0

O Comité Técnico de Árbitros incumpre a lexislación sobre o uso do galego como lingua propia de Galiza vulnerando os dereitos lingüísticos da cidadanía ao non poderen as árbitras e árbitros realizar as actas dos partidos en galego.

Moitas e moitos colexiadas e colexiados veñen reivindicando desde hai moito tempo usar o galego nas actas, xa que aínda que redacten a acta en galego na vista final aparece en castelán, e só mantén as citas literais en galego.

O Comité Técnico de Árbritos e Árbitras que depende da Federación Galega de fútbol , na súa función de colaboradora da administración pública galega, é un importante axente dinamizador para levar a cabo a organización e desenvolvemento de programas e actividades que impulsen o deporte en Galiza e ten que incluír o galego na súa actividade administrativa.

A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galiza ten como unha das súas principais funcións e cometidos estabelecer as bases de colaboración e o soporte financeiro ás federacións deportivas para o desenvolvemento dos seus respectivos programas de actividades. A Secretaría Xeral para o Deporte e a Secretaría Xeral de Política Lingüística teñen a responsabilidade de introducir o galego en ámbitos do deporte para contribuír á normalización da lingua galega.

A Federación Galega de Fútbol, con funcións públicas delegadas, vulnera claramente a lexislación vixente sobre a oficialidade do galego e o uso do galego como lingua propia: O Estatuto de autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego”, e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración; e o artigo 6.3 do devandito texto legal insta os poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito. Tamén o artigo 17.1 da Declaración universal de dereitos lingüísticos di que “Toda comunidade lingüística ten dereito a dispoñer e obter toda a documentación oficial na súa lingua, en forma de papel, informática ou calquera outra para as relacións que afecten aos territorios onde é propia a lingua respectiva” e no seu artigo 17.2 engade que “ Os poderes públicos deben dispoñer de formularios, impresos e modelos en forma de papel , informática ou calquera outra nas linguas territoriais”.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira. apuntou que desde a Mesa será enviada unha queixa ao Comité Técnico de Árbitros e Árbitras, á Federación Galega de Fútbol, á Secretaría Xeral para o Deporte e á Secretaría Xeral de Política Lingüística esixindo que se garanta a presenza do galego nas actas.

Loading…

 

amesa.gal

Siguenos en Google News
También podría gustarte
Ver comentarios de la noticia

Deja una respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada.

Enable Notifications    Ok No thanks