O BNG pide unha asistencia masiva á manifestación contra a mina de Touro-O Pino prevista para o 10 de xuño

0

O BNG apoia a manifestación convocada contra o proxecto de megaminería de Touro pola Plataforma veciñal Mina de Touro-O Pino, NON para o vindeiro 10 de xuño en Santiago de Compostela, para dar na rúa unha resposta contundente a un proxecto que considera letal para a Ría de Arousa.

Por iso, a deputada por Pontevedra, Montse Prado, interpelará no pleno da vindeira semana á conselleira do Mar para que atenda o clamor social da veciñanza e dos concellos da Ría de Arousa contra un proxecto que pode resultar catastrófico para sectores económicos estratéxicos na comarca.

“Para o sector do marisqueo e da pesca pode ser letal, e a Xunta alega que se trata dunha cuestión técnica pero non é ese o contexto senón que estamos ante unha decisión política, a cuestión é se o Goberno aposta por defender un sector estratéxico para esta ría ou por defender a unha empresa espoliadora que non vai deixar nada máis que contaminación e que só busca o seu lucro”, salientou Prado.

A parlamentaria considera que, lonxe de tratarse dunha decisión técnica como intenta trasladar o Executivo, é unha decisión política e, neste sentido, insta ao Goberno galego a usar as prerrogativas que ten para dar carpetazo a un proxecto contaminante que non aporta nada positivo.

“Imos emprazar a Xunta a que utilice a figura de Advocación de competencias para que sexa directamente o Goberno galego no consello da Xunta quen tome a decisión, porque se trata dunha cuestión clave para toda a ría de Arousa, que sexa a totalidade do Executivo, o presidente ou calquera consellería quen tome a decisión que debe ser política e non técnica porque o proxecto é unha bomba de reloxería”, salientou Prado.

Este proxecto de megaminería, que a deputada sintetizou como “colle o cobre e corre”, suporía reabrir e ampliar en 2.000 hectáreas unha explotación de cobre a ceo aberto que implica a mobilización de miles de toneladas de terra e a utilización de materiais tóxicos que se filtrarían ao terreo e aos cursos de auga da mina, que de aí drenan ao Río Ulla e chegarían á Ría de Arousa. Ademais, implica a construción dunha balsa de lodos de 80 metros e alto asentada sobre simples lonas de plástico.

“A explotación da mina será unha auténtica autoestrada de contaminantes cara a ría, e ante un accidente, a catástrofe alcanzaría a ría de Arousa en media hora con que iso implicaría para o sector da pesca e do marisqueo”, alertaba Prado.

Loading…

Siguenos en Google News
También podría gustarte
Ver comentarios de la noticia

Deja una respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada.

Enable Notifications    Ok No thanks